Novas

xoves, 08 de abril de 2021

O Concello aumenta a subvención para o Secretariado Xitano, que irá destinada a incrementar os programas de reforzo escolar a estudantes de secundaria

A entidade recibiu por primeira vez o ano pasado unha axuda económica municipal, de 3.000 euros, que este ano ascende a 5.000. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, visitou esta mañá as instalacións da sede da entidade, en Recimil, con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano


O Concello aumenta a subvención para o Secretariado Xitano, que irá destinada a incrementar os programas de reforzo escolar a estudantes de secundaria

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, visitou esta mañá as instalacións da sede de Secretariado Xitano, en Recimil, con motivo da celebración hoxe do Día Internacional do Pobo Xitano. Estivo acompañada pola representante da entidade en Ferrol, Silvia Gil, quen trasladou á edil os proxectos que a asociación está a desenvolver en base á subvención que desde fai dous anos recibe do Concello. Neste senso a edil destacou que a entidade recibiu por primeira vez o ano pasado unha axuda económica municipal e anunciou que este 2021 o goberno local incrementa a achega á entidade ata os 5.000 euros fronte aos 3.000 do pasado exercicio, a través da cal a asociación “vai potenciar o plan ‘Promociona +’, un dos programas que desenvolve a Fundación Secretariado Xitano en colaboración co Concello de Ferrol dirixido ao acompañamento e apoio de estudantes de secundaria. “Para o goberno local é unha prioridade a integración deste colectivo”. 


Celebración do Día Internacional do Secretariado Xitano 
Tras a súa visita á sede, Martínez Montero anunciou que con motivo do Día Internacional do Secretariado Xitano a fachada do pazo municipal lucirá desde hoxe ata o domingo a bandeira do pobo xitano e acordouse entre todos os grupos municipais unha declaración institucional en apoio ao colectivo que se lerá no pleno extraordinario desta tarde. 

Colaboración “intensa e permanente”
A concelleira tamén destacou no día de hoxe a “intensa e permanente” colaboración entre o Concello e o Secretariado Xitano co fi de “traballar na mesma dirección en pro do colectivo”. Pola súa banda, a representante en Ferrol agradeceu a implicación do Concello a través da subvención anual, que permite o desenvolvemento de varias accións sociais.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar