O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a conselleira de
Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantiveron esta mañá unha reunión que ambos
cualificaron de frutífera e produtiva. Acompañáronos o concelleiro de Urbanismo,
Julián Reina, e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor. Sobre a
mesa había unha serie de asuntos de gran importancia para a cidade, todos eles
referentes ao saneamento e á mobilidade, sobre os que se despexaron “as principais
inquedanzas que tiñamos”, asegurou o rexedor na comparecencia posterior ao encontro.
Un dos principais temas que abordaron foi a mellora das conexións ferroviarias,
que Mato, tal e como lembrou, quere que teña un lugar destacado na axenda política. De
feito, durante os últimos meses viña reclamando, por unha banda, a inclusión da liña a
Ferrol na rede europea de mercadorías, e por outra, a paulatina redución dos tempos de
viaxe ata A Coruña á metade. Por ese motivo, acolleu con “moita satisfacción” que a
conselleira lle comunicase hoxe que vén de solicitar a Europa a ampliación do corredor
atlántico de mercadorías ata a cidade, unha demanda que Vázquez considera “lexítima e
xusta”, ao que se suma que “abriría as posibilidades de financiamento”.
Nos últimos meses viron a luz dous informes elaborados polo Eixo Atlántico a
petición do Concello de Ferrol nos que se analizan as necesidades do trazado. Ambos
cifran en torno aos 730 millóns de euros o importe da modernización da liña para que se
adapte aos estándares actuais e sexa competitiva.
Carta do presidente da Xunta
O alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para o presidente da Xunta, Alberto
Núñez Feijoo, que lle comunicou por carta o seu compromiso de tratar o problema do
ferrocarril co ministro de Transportes, José Luis Ábalos, na xuntanza que van manter o
vindeiro venres, e que é continuación da do pasado 10 de marzo. O obxectivo é,
segundo dixo a conselleira, a inclusión da liña no plan de investimentos ferroviarios,
algo que ve “incuestionable”.
Outra das cuestións que trataron Mato e Vázquez foi o do transporte de viaxeiros
por estrada. Para o rexedor, coas novas concesións a conexión coa Coruña presentaba
“dificultades que pouco a pouco se foron resolvendo, aínda que quedan algunhas que lle
trasladamos á conselleira”. Esta explicou, pola súa parte, que o seu departamento realiza
“un seguimento exhaustivo e continuo” do servizo e que esta mesma semana se reforzou
a liña entre ambas cidades.
A segunda parte do encontro referiuse aos proxectos de saneamento en marcha e
os previstos a curto e medio prazo. Unha vez que as obras na Malata están
practicamente rematadas (a falta de pequenas actuacións e a acometida eléctrica por
parte do Concello), Ángel Mato e Ethel Vázquez falaron do saneamento do río da
Sardiña e das actuacións na zona rural. No primeiro caso, explicou a conselleira, o proxecto está redactado e en cuestión de días remitiráselle ao Concello unha proposta de
convenio para levar a cabo os traballos. O rexedor explicou que a Xunta asumirá a
maior parte do financiamento (entre o 70 e o 75 %) dos arredor de 900.000 euros de
custo. No caso do saneamento do rural, esa proporción será inversa, de xeito que será a
Administración local a que asuma o groso do importe, estimado nuns 9 millóns de euros.
“O importante é que temos un escenario de financiamento concreto para o
saneamento do río da Sardiña e para o saneamento do rural”, afirmou o alcalde, que
afirmou que a súa intención é que as obras nas parroquias comecen dentro deste mesmo
mandato.