mércores, 07 de abril de 2021
O Grupo de Traballo do Camiño Inglés céntrase na promoción económica da cidade, o seu potencial turístico, cultural e patrimonial e na dinamización da ruta cara aos dous anos xacobeos
As concelleiras María Teresa Deus e Eva Martínez Montero presidiron esta mañá unha nova reunión do equipo, do que forman parte entidades e asociacións veciñais, e acordouse a creación de tres subgrupos de traballo. O obxectivo máis inmediato é o deseño das actividades que terán lugar en Ferrol o 19 de xuño, cando a cidade será anfitrioa da edición deste ano de Primavera no Camiño. Os integrantes teñen de prazo ata o próximo mércores para presentar os seus proxectos

O Concello de Ferrol está a traballar na organización das actividades e accións que terán lugar na cidade con motivo dos anos xacobeos 2021 e 2022. Esta mañá as concelleiras de Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, presidiron unha nova reunión do Grupo de Traballo do Camiño Inglés, creado a finais de 2019, antes da chegada da pandemia, co propósito de poñer a punto Ferrol de cara aos anos xacobeos 2021 e 2022. Forman parte do grupo de traballo, ademais do Concello representado nas responsables das áreas, a Dioceses Mondoñedo-Ferrol, a Autoridad Portuaria, a Asociación de Hostalería, a Asociación de Comerciantes A Magdalena, a Empresa Mixta de Turismo, a Asociación do Camiño Inglés, Paferr, Foro Ferrol Vivo, a Asociación cultural Meninas, Fanpa Concepción Arenal e as entidades veciñais dos barrios ferroláns polos que peregrina a ruta xacobea.