Novas

martes, 06 de abril de 2021

O Castelo de San Felipe recibiu entre o xoves e o luns arredor de 2.000 visitas

O Concello inaugurou o pasado 1 de abril a exposición permanente ‘Defensa de Ferrol: A Batalla de Brión’ na Sala Cureñas, recentemente rehabilitada. Tamén está a rehabilitar a torre do século XIX da batería baixa, que albergará outras dúas mostras: ‘A evolución das defensas da ría’ e ‘Evolución do Castelo de San Felipe’


O Castelo de San Felipe recibiu entre o xoves e o luns arredor de 2.000 visitas

O Castelo de San Felipe recibiu entre o pasado xoves e onte luns, coincidindo cos días festivos de Semana Santa e Chamorro, arredor de 2.000 visitas, unha media de 400 ao día, tal e como comunicou esta mañá a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. 


O incremento no número de visitas coincide tamén coa inauguración o pasado xoves da exposición permanente ‘Defensa de Ferrol: A Batalla de Brión’ na recentemente rehabilitada Sala Cureñas. A exposición forma parte do proxecto MMIAH, un plan liderado por Ferrol e integrado por outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)— que busca poñer en valor o litoral urbano do espazo atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica. 

A exposición pode visitarse no horario de apertura do castelo, de luns a domingo incluído festivos de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Pódense consultar os horarios das visitas guiadas na web https://www.viaxesgalitur.com/#, no apartado ‘Qué ofrecemos’, na sección ‘Actividades en Ferrol’. 

Está composta por seis bloques temáticos para resaltar os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800. O primeiro, o contexto histórico da batalla, versa sobre o momento no que se produciu o ataque dos ingleses a territorio ferrolán, tendo en conta que o contorno xeopolítico a nivel internacional entre España, Francia e Inglaterra é “fundamental” para entender as motivacións do ataque, explicou Martínez Montero. O segundo bloque aborda os escenarios, como os montes de Brión e Doniños, o propio castelo, a situación da cidade e das súas murallas, e Arsenal, o porto e as baterías. En terceiro lugar, a exposición ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ dedica outro bloque aos protagonistas do sucedido, tanto do bando británico como do español, e repasa os personaxes máis importantes da loita, como John Borlase Warren, James Pulteney ou o Conde de Donadío. O cuarto apartado fai un reconto gráfico das armas e do número de tropas coas que contaban os dous bandos e explica as súas características máis importantes. Pola súa banda, as vestimentas e os uniformes dos exércitos constitúen un tipo de patrimonio moi rechamante, polo que ocupa o quinto bloque da exposición. O sexto e último apartado esta dedicado exclusivamente á contenda, cun percorrido que comeza o día que os ingleses se aproximaron a Ferrol. O fin é amosar os aspectos máis relevantes que aconteceron no escenario físico, as manobras e as pasaxes máis importantes da batalla, para o que se habilitaron códigos QR en cada un dos paneis que facilitan a información tamén en castelán e inglés. 

Obras en execución na torre do século XIX da batería baixa
Na actualidade o Concello está a executar obras de rehabilitación na torre do século XIX da batería baixa do castelo, un proxecto que, ademais da propia recuperación da torre inclúe a súa adaptación e acondicionamento para o seu novo uso expositivo así como o deseño do contido das dúas mostras que albergarán as dúas plantas da torre: ‘A evolución das defensas da ría’ e ‘Evolución do Castelo de San Felipe’. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar