A instalación das canalizacións de saneamento e pluviais na
rúa Loureiros está xa concluída por parte da empresa municipal de augas. Estes
traballos desenvolvéronse no marco das obras que o ADIF está acometendo no noiro
situado entre ese punto e as vías do tren, e que consisten na consolidación do terreo
mediante a colocación de rochas de grandes dimensións.
Os concelleiros de Urbanismo, Julián Reina, e de Obras, Ana Lamas,
comprobaron onte o avance desta actuación acompañados por técnicos municipais, de
Emafesa e da empresa responsable de executar o proxecto para o organismo ferroviario.
A obra da resposta a un problema que padecía esta zona de Santa Mariña dende hai
tempo, xa que a falta dun muro de contención provocou o afundimento de parte da rúa
Loureiros e foi necesario pechala por seguridade. A acción das choivas agravou a
inestabilidade do terreo, polo que dentro dos traballos contemplouse unha solución que
evite ese tipo de complicacións no futuro. Así, o Concello encargoulle a Emafesa a
axeitada canalización tanto de pluviais coma do saneamento nos tramos nos que fora
necesario. A empresa municipal actuou tanto no comprendido entre Cardosas e a
pasarela de Santa Mariña coma no que continúa dende este paso elevado cara o leste, no que, a pesar de existir muro de contención, tamén se detectou a necesidade de adoitar
unha solución para a auga de choiva.
É precisamente este último treito o que vai quedar rematado antes, xa que
unicamente falta por repoñer o aglomerado que foi necesario retirar para instalar os
tubos. Así llo trasladou Emafesa aos concelleiros durante a visita, na que tamén
estiveron presentes representantes veciñais aos que Reina e Lamas lles explicaron os
pormenores da actuación.