O Concello de Ferrol inaugurou esta mañá a exposición
permanente ‘Defensa de Ferrol: A Batalla de Brión’ na sala Cureñas do Castelo de San
Felipe nun acto sinxelo marcado polas actuais restricións sanitarias ao que asistiron a
segunda tenente de alcalde e concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus; a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero; o voceiro do goberno
local, Julián Reina; os concelleiros da corporación municipal María del Carmen García
(PP) e Mar López (BNG) e representantes do Museo Naval, do Arquivo Militar, do Club
Montaña, da asociación Batalla Brión e das entidades veciñais de Brión e de San Felipe,
entre outros.
A segunda tenente de alcalde e responsable de Turismo asegurou que coa
inauguración da exposición o Concello “impulsa de forma decidida a posta en valor do
Castelo de San Felipe” cunha mostra que “vai apuntalar a fortaleza como principal
reclamo turístico da nosa cidade”, máis aínda polo “magnífico e envexable enclave
natural no que se atopa”. Deus lembrou que na actualidade o castelo está a recibir entre
500 e 600 visitas cada fin de semana.
Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio Histórico apuntou que coa inauguración
desta exposición “se cumpre un dos obxectivos do goberno local, o de recuperar os nosos
bens patrimoniais, como este castelo”. A edil lembrou que na actualidade o Concello está
a executar as obras de rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo,
un proxecto que, ademais da propia recuperación da torre inclúe a súa adaptación e
acondicionamento para o seu novo uso expositivo así como o deseño do contido das dúas
mostras que albergarán as dúas plantas da torre: ‘A evolución das defensas da ría’ e
‘Evolución do Castelo de San Felipe’.
Agradeceu o traballo desenvolvido pola empresa responsable da exposición,
Trivium, do ferrolán César Abella, e a colaboración de todas as entidades, asociacións e
particulares implicadas na mostra, como o Museo Naval, o Instituto de Historia e Cultura
Militar, o Club de Montaña ou a asociación Batalla Brión, entre outras. Tamén resaltou
que “a montaxe logra que a propia Sala Cureñas —perfectamente rehabilitada— sexa
unha continuación da exposición”, que cualificou como “didáctica, seria, solvente e moi
enriquecedora para o castelo”.
Abella, pola súa banda, resaltou “o labor que está a desenvolver na actualidade o
Concello de Ferrol para poñer en valor o recurso máis importante da cidade, o castelo”, e
invitou á cidadanía a visitar a nova exposición, que relata “o suceso máis heroico da nosa
cidade”.
A exposición forma parte do proxecto MMIAH, un plan liderado por Ferrol e
integrado por outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool
(Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)— que busca poñer
en valor o litoral urbano do espazo atlántico a través da recuperación de bens en desuso
asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o
seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural
como factor de sustentabilidade económica.
Seis bloques temáticos para resaltar o sucedido en agosto de 1800
A mostra inclúe diversos elementos gráficos e visuais para explicar e poñer en valor a
través de seis bloques temáticos os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800.
O primeiro, o contexto histórico da batalla, versa sobre o momento no que se produciu o
ataque dos ingleses a territorio ferrolán, tendo en conta que o contorno xeopolítico a nivel
internacional entre España, Francia e Inglaterra é “fundamental” para entender as
motivacións do ataque, explicou Martínez Montero. O segundo bloque abordará os
escenarios, como os montes de Brión e Doniños, o propio castelo, a situación da cidade e
das súas murallas, e Arsenal, o porto e as baterías. En terceiro lugar, a exposición
‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ dedica outro bloque aos protagonistas do sucedido,
tanto do bando británico como do español, e repasa os personaxes máis importantes da
loita, como John Borlase Warren, James Pulteney ou o Conde de Donadío.
O cuarto apartado fai un reconto gráfico das armas e do número de tropas coas que
contaban os dous bandos e explica as súas características máis importantes. Pola súa
banda, as vestimentas e os uniformes dos exércitos constitúen un tipo de patrimonio moi
rechamante, polo que ocupa o quinto bloque da exposición. O sexto e último apartado
esta dedicado exclusivamente á contenda, cun percorrido que comeza o día que os
ingleses se aproximaron a Ferrol. O fin é amosar os aspectos máis relevantes que
aconteceron no escenario físico, as manobras e as pasaxes máis importantes da batalla,
para o que se habilitaron códigos QR en cada un dos paneis que facilitan a información
tamén en castelán e inglés.
Posta en valor dun episodio histórico
A posta en marcha da exposición ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ intégrase na
estratexia xa avanzada o pasado ano polas concelleiras de Promoción Económica e
Turismo e de Patrimonio Histórico de poñer en valor un episodio histórico “cun gran
potencial para darlle proxección exterior a Ferrol tendo en conta que se trata dun dos
acontecementos máis relevantes da biografía da nosa cidade”, apuntou a segunda tenente
de alcalde. O fin é “poñer a dispor dos visitantes unha mostra que logre “transmitir a
importancia do episodio histórico” a través dunha exposición “entretida, atractiva e de
calidade” que logre xerar “curiosidade” ao redor da batalla de Brión, concluíu a
concelleira.
A exposición pode visitarse no horario de apertura do castelo, de luns a domingo
incluído festivos de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Poden consultar os horarios das
visitas guiadas na web https://www.viaxesgalitur.com/#, no apartado ‘Qué ofrecemos’,
na sección ‘Actividades en Ferrol’.