Novas

sábado, 27 de febreiro de 2021

Eva Martínez Montero entrega as acreditacións aos doce voluntarios que remataron hoxe o curso de Formación Básica

A concelleira de Benestar Social felicitou aos participantes no novo ciclo que imparte a Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Ferrol, que xa conta con máis de 60 membros. A edil destacou a “vital tarefa” que desenvolverán para axudar aos veciños máis vulnerables e incidiu na “solidariedade” que mostra a sociedade ferrolá. Os interesados poden inscribirse no 981 944 235 ou enviando un correo electrónico a voluntariado@ferrol.es, e en marzo impartirase outro de Formación Especializada


Eva Martínez Montero entrega as acreditacións aos doce voluntarios que remataron hoxe o curso de Formación Básica

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, entregou esta mañá no salón de actos do Edificio Social as acreditacións e diplomas aos doce voluntarios participantes no novo curso de Formación Básica impartido pola Oficina de Voluntariado do Concello de Ferrol. 


A edil deu os seus parabéns aos participantes e destacou a súa “implicación” na “vital tarefa que van desenvolver para axudar e acompañar aos veciños máis vulnerables da nosa cidade”. A sociedade ferrolá, dixo, “demostra unha vez máis que é moi solidaria”. 

Xa son máis de 60 os voluntarios que forman parte da Oficina Municipal de Voluntariado, localizada no Edificio Social de Ferrol (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35). Martínez Montero lembrou que ademais de fomentar e dinamizar a formación dos voluntarios, a oficina está a avanzar nunha nova liña de traballo en rede. Ferrol “é unha cidade que conta cun gran tecido asociativo e traballando de forma conxunta e coordinada obteremos mellores resultados”. Tamén contempla o desenvolvemento de “accións propias dirixidas aos nosos veciños máis vulnerables, especialmente maiores, tendo en conta as súas necesidades”. 

Os interesados poden obter toda a información sobre a Oficina Municipal do Voluntariado en https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/89 e anotarse no número de teléfono 981 944 235 ou en voluntariado@ferrol.es.

En marzo, Formación Especializada 
O día 5 de marzo celebrarase outro curso, neste caso de Formación Especializada, tamén pola demanda dos propios voluntarios que, “unha vez que teñen a Formación Básica desexan seguir especializándose”. Con este curso adquirirán sensibilización coas emocións das persoas maiores e ferramentas para a resolución de problemas durante a labor de voluntariado. Neste senso a concelleira manifestou que a Oficina de Voluntariado presta especial atención “aos nosos maiores”, un colectivo que “como consecuencia da pandemia que estamos a vivir resultan os grandes prexudicados non só desde o punto de vista sanitario, tamén desde o social”.



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar