Novas

venres, 26 de febreiro de 2021

O Concello inicia o luns a segunda fase formativa do programa para persoas en exclusión social ‘Ferrol Acolle’

Un total de 15 persoas prepararanse nas materias de Atención ao Cliente, Xestión de Almacén, Manipulador de Alimentos e Carretilla Elevadora co fin de atopar unha saída laboral. O ciclo inclúe 75 horas teóricas e 40 de prácticas profesionais non laborais en empresas do entorno


O Concello inicia o luns a segunda fase formativa do programa para persoas en exclusión social ‘Ferrol Acolle’

O Concello de Ferrol inicia o próximo luns, 1 de marzo, a segunda fase formativa do programa de emerxencia e inclusión social ‘Ferrol Acolle’, un plan posto en marcha a finais do pasado ano pola concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, co fin de favorecer a inserción sociolaboral das persoas sen fogar e a súa transición á vivenda a través de formación e do desenvolvemento de numerosas accións sociais. 


Unha vez superada a primeira fase formativa, a pre-laboral, un total de 15 persoas comezan o luns a segunda, un curso de Atención ao Cliente, Xestión de Almacén, Manipulador de Alimentos e Carretilla Elevadora, que lles preparará para unha saída laboral a través de formación orientada á mellora da ocupabilidade e da inserción no mercado de traballo. O Concello vén de adxudicar dito curso, que inclúe tamén a diagnose, deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión, acompañamento social aos participantes e accións para a adquisición de capacidades persoais e sociais, entre elas a mellora da administración da economía familiar e a permanencia no mercado laboral. 

Prácticas en empresas do entorno 
O curso inclúe 75 horas teórico-prácticas e outras 40 horas de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna, “algo que consideramos moi importante de cara a lograr unha saída profesional”, explicou esta mañá Martínez Montero. A edil puntualizou que a formación levarase a cabo segundo os protocolos covid-19 establecidos polas autoridades sanitarias dentro das instalacións municipais da Casa Solidaria. 

Traballo e seguimento de 40 persoas 
O Programa 'Ferrol Acolle' que desenvolve o Concello é unha operación cofinanciada pola Unión Europea dirixida a persoas sen fogar co fin de promover a igualdade, a saúde e a súa inclusión social. Dende a posta en marcha do programa foron atendidas un total de 40 persoas, coas que se está a traballar actualmente nos diferentes itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral. O que se pretende, explicou a concelleira, é “xerar unha maior autonomía persoal e que os beneficiarios do programa podan adquirir boas prácticas sociais e pre-laborais”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar