Novas

venres, 26 de febreiro de 2021

O prazo para apoiar a concesión por parte do Concello do título de Fillo Adoptivo a Rodolfo Ucha remata o 12 de marzo

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, indicou que a convocatoria xa recibiu unha vintena de apoios. Poden presentarse a través do Portal do Cidadán da web municipal, onde hai dispoñible un modelo de comparecencia


O prazo para apoiar a concesión por parte do Concello do título de Fillo Adoptivo a Rodolfo Ucha remata o 12 de marzo

O prazo para presentar apoios á concesión por parte do Concello de Ferrol do título de Fillo Adoptivo a Rodolfo Ucha (Vigo 1882-Ferrol 1981) remata o próximo 12 de marzo. Ata o momento xa son unha vintena, entre entidades e particulares, os respaldos mostrados ao expediente, que argumenta o apoio a unha “merecedísima distinción” de recoñecemento a quen “coa súa actividade profesional como arquitecto municipal contribuíu, dun xeito decidido, ao desenvolvemento futuro da nosa cidade mediante proxectos de reforma e ensanche da poboación, con renovadoras propostas urbanísticas, deseño de amoblamento urbano e placas e monumentos conmemorativos, entre outros”, explicou esta mañá a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. 


Co seu libre exercicio da profesión Ucha “enriqueceu con novos edificios o trazado regular das nosas rúas, onde a súa pegada quedou directamente ligada a nosa cidade nalgúns dos edificios máis emblemáticos que temos no casco histórico”. É o caso de Fonda Suiza (actual Hotel Suizo), 1910; Casa Romero, 1910; Peixería Municipal de Abastos, 1910; Edificio de El Correo Gallego, 1912; Casa Pereira, 1912; Casa Rodríquez Fernández, 1912; Casa Brañas, 1913; Hotel Suízo, 1913; Hotel Ideal, 1917; Chalé de D. Emilio Antón Iboleón, 1918; Casino de Ferrol, 1921; Fachada do Teatro Jofre, 1921; Edificio Pita Saavedra, 1939; Edificio da Caixa de Aforros de Ferrol, 1936 e o Edificio Calvo Formoso, 1939. 

Os apoios poden formalizarse a través da web municipal (https://www.ferrol.gal), no apartado Portal do Cidadán (https://www.ferrol.gal:8443/cividas-core-web-ferrol). Na sección de procedementos destacados atópase un enlace ao modelo de comparecencia.

Máis de 6.300 visualizacións do vídeo polo 40 aniversario do seu falecemento 
A finais do pasado mes de xaneiro o Concello de Ferrol emitiu un vídeo con motivo do 40 aniversario o día 27 do falecemento de Ucha na cidade. Desde entón rexistrou máis de 6.300 visualizacións, e aínda pode verse no canle municipal de Youtube (https://bit.ly/3bxR3c4). 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar