Novas

martes, 20 de outubro de 2020

O Concello e UDC colaborarán para impartir coñecementos básicos de informática aos usuarios das entidades sociais

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, indicou hoxe que as asociacións interesadas en participar nesta iniciativa teñen de prazo ata o venres para enviar un correo electrónico a asuntos-sociais@ferrol.es


O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña (UDC) estudan abrir unha nova liña de colaboración co fin neste caso de impartir coñecementos informáticos básicos aos usuarios das entidades sociais da cidade, tal e como informou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. Tendo en conta que “a nova situación xerada pola pandemia aumentou o traballo telemático e a carencia nestas habilidades que mostran moitos usuarios das entidades”, explicou, “queremos traballar de forma conxunta” para abrir aos beneficiarios das asociacións o curso ‘Deseño e impartición de talleres de alfabetización dixital’ impartido polo Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos da Facultade de Ciencias do Traballo da UDC. A concelleira informou recentemente ás entidades sociais desta posibilidade, no marco dun convenio xa establecido entre o Concello de Ferrol e a UDC para promover a metodoloxía e o aprendizaxe. 


As entidades interesadas en participar teñen de prazo ata o venres para enviar un correo electrónico a asuntos-sociais@ferrol.es e solicitar formar parte desta iniciativa. Recibirán píldoras formativas sobre o traballo en liña, o procesador de texto e a folla de cálculo. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar