Chamamento ás vítimas do franquismo. 1936-1975.
En xullo do 1936 importantes seccións do Exército español erguéronse en armas contra da legalidade republicana, desencadeando unha guerra de tres anos. A represión foi o medio principal para acadar un Nuevo Estado asentado de maneira permanente nunha represión metódica e implacable, un réxime que nunca se someteu a ningún control democrático: aquel tempo cruel durou ata 1975, catro décadas.
O Pleno municipal de Ferrol aprobou o 29 de setembro do 2017 (sen ningún voto en contra) a construción dun MEMORIAL que recollerá a lista nominal de vítimas do franquismo nos territorios de Eume-Ferrolterra-Ortegal, tomando como centro de referencia Ferrol como lugar onde a represión mortal foi cuantitativamente máis elevada.
Con este MEMORIAL renderemos homenaxe perdurable ás mulleres e homes que entre 1936 e 1975 deron a súa vida na defensa da democracia e a igualdade.
Como primeiro paso, previo á construcción do Memorial, do que será autor o escultor Manuel Patinha e será erixido no parque Antón Varela, no barrio de Canido (xunto o IES Canido), publicamos a lista nominal de vítimas, elaborada e revisada polos historiadores Bernardo Máiz e Xosé Manuel Suárez, e pola Asociación de Memoria Histórica.
A lista estará exposta na web municipal e poderá ser revisada, ampliada e, de ser necesario, modificada. Nese caso, haberá que poñerse en contacto co Concello de Ferrol, a través do rexistro municipal.
Pode consultar a Listaxe de vítimas do franquismo 1936-1975 (Eume-Ferrolterra-Ortegal) premendo no documento da dereita |